Seguro que recentemente liches sobre o habeas corpus nas redes sociais. Durante as últimas semanas volvéronse virais moitos vídeos de persoas invocándoo, pero… Sabes que é o habeas corpus?
- Que é?
O propio nome, tan peculiar, xa nos dá pistas para poder responder á pregunta. Habeas corpus é unha locución latina que podería traducirse como “corpo presente” ou “persoa presente”.
Trátase dun procedemento que se solicita se unha persoa está detida ilegalmente, co fin de que compareza inmediatamente ante o xuíz para que este determine a legalidade ou ilegalidade do arresto. En ningún caso serve para evitar a detención pero si impide que se poidan prolongar detencións arbitrarias ou nas que non se respecten os dereitos do detido.
Atópase regulado pola Lei Orgánica 6/1984, de 24 de maio, un texto legal moi curto (só nove artigos), como o propio procedemento.
- Quen decide?
Polo xeral, decide o xuíz de Instrución do partido xudicial no que se atopa a persoa detida. No suposto de que non se teña constancia do lugar no que está, a competencia será do xuíz do lugar no que se produciu a detención ou, no seu defecto, corresponderá ao xuíz do lugar onde se tiveran as últimas noticias respecto ao paradoiro da persoa detida (art. 2 LO 6/1984).
- Quen o pode solicitar?
Pode solicitar o inicio deste procedemento a propia persoa detida (como se mostras no vídeos virais), o seu cónxuxe ou parella de feito, descendentes, ascendentes, irmáns ou, no caso de menores e persoas incapacitadas, os seus representantes legais.
Ademais, tamén pode solicitalo o seu avogado, o Ministerio Fiscal, o Defensor do Pobo ou o propio xuíz competente para coñecer do mesmo (art. 3 LO 6/1984).
- Como se solicita?
Se ben o detido pode solicitalo verbalmente, é recomendable, como en todo trámite legal, deixar constancia da petición por escrito. Máis cando se trata dunha solicitude moi simple, que nin sequera require a intervención dun avogado, aínda que, como veremos, sempre sexa aconsellable.
Na solicitude só deben figurar os datos do solicitante e do detido (se son persoas diferentes), o lugar no que se atopa a persoa detida e o motivo polo que se solicita o habeas corpus. Quen, onde e por que (art. 4 LO 6/1984).
A continuación, a autoridade, axente ou funcionario público baixo o que se atope custodiado o detido, ten a obrigación de poñer inmediatamente en coñecemento do xuíz competente a solicitude (art. 5 LO 6/1984).
- Como é o procedemento?
Este tipo de procedemento caracterízase pola súa relativa velocidade. Unha vez solicitado o inicio, o xuíz deberá examinar que se cumpran os requisitos necesarios para a súa tramitación. Estes requisitos son:
- A competencia do xuíz (se é o do partido xudicial no que se atopa detida a persoa).
- A lexitimidade do suxeito que inicia o procedemento (se é unha das persoas que pode inicialo).
- Que a detención sexa ilegal (como veremos, non se trata dunha apreciación obxectiva, pois por lei, os supostos de detención ilícita están taxados).
A continuación, o xuíz ditará un auto motivado acordando a incoación do procedemento ou, no seu caso, denegará a solicitude por improcedente. Este auto notificarase ao Ministerio Fiscal e non será recorrible (art. 6 LO 6/1984).
A maior parte das solicitudes nin sequera se admiten a trámite, xa que se entende que non se cumpre co requisito da detención ilegal.
En relación con isto, debemos ter en conta algo moi básico pero que moitas persoas parece que confunden: o habeas corpus é un tipo de procedemento no que non se discutirán, nin valorarán, os feitos imputados ao detido (se é culpable ou non), só se a detención é lícita ou ilícita.
No caso de que se acorde iniciar o procedemento, os axentes levarán o detido ao Xulgado (aínda que tamén pode ser o propio xuíz quen acuda ao lugar onde estea a persoa detida) co fin de oíla e coñecer os feitos acontecidos. A continuación, o xuíz oirá ao avogado do detido, ao Ministerio Fiscal e, en último lugar, á autoridade, axente ou funcionario público que ordenou a detención.
Finalmente, o xuíz valorará todas as probas presentadas no procedemento (moi importante neste sentido as posibles gravacións da actuación policial, por se non houbese motivos para a detención), dispoñendo dun prazo de 24 horas, desde que acordase o inicio do procedemento, para decidir si a detención é legal ou ilegal (art. 7 LO 6/1984).
O xuíz só considerará que a detención foi ilegal nos seguintes supostos (art.1 LO 6/1984):
Cando a persoa sexa detida pola autoridade, axente, funcionario público ou particular, sen que concorran os supostos legais ou sen que se cumprise co esixido pola lei.
Por exemplo, non se pode deter a ninguén de maneira arbitraria (sen ningún motivo) ou por unha infracción administrativa (non levar máscara).
Cando a persoa estea internada ilicitamente en calquera lugar ou establecemento.
Por exemplo, en centros psiquiátricos.
Cando a persoa non fose posta en liberdade ou a disposición xudicial no prazo máximo legal de 72 horas (excepto en supostos de organizacións criminais ou bandas armadas, nos que o prazo máximo legal de detención de 72 horas pode prorrogarse 48 horas máis).
Este último suposto é o mais habitual para estimar que a detención é ilícita, sobre todo cando ese prazo coincide co fin de semana. Ademais, en relación coas 72 horas, cabe advertir que se trata dun prazo máximo: non debemos esquecer que a detención debería durar o tempo minimamente imprescindible, sen que se poida prolongar ata os tres días se non hai motivos para iso.
No caso de que o xuíz considere que a detención é ilegal porá en liberdade ao detido e, como probablemente xa non declarase en sede policial (o avogado así llo recomendaría), materialmente non haberá nada que anular.
No caso de que o xuíz considere que a detención se produciu legalmente, acordará o arquivo das actuacións e o detido continuará privado de liberdade. Polo tanto, só se debe solicitar o habeas corpus en supostos nos que a ilicitude da detención sexa moi clara, en caso contrario, o único que se podería conseguir é que se retrase o momento de pasar a disposición xudicial.
Por iso, aínda que poida solicitalo o propio detido, sempre aconsellaría que fale antes co seu avogado: en primeiro lugar, porque sempre recibirá asistencia letrada se está efectivamente detido (nalgún dos vídeos virais a persoa que invocaba o habeas corpus nin sequera estaba sendo detida, senón multada); e, en segundo lugar, porque, como se adoita dicir, quen se defende a si mesmo ten un parvo por cliente.
Comments are closed