¿Que son as dilixencias previas?

As dilixencias previas son actuacións de investigación que se practican na primeira fase do proceso penal (chamada fase de instrución) para o esclarecemento dos feitos delituoso e a súa autoría.

É imprescindible que durante esa fase, dirixida polo xuíz instrutor, se tome declaración xudicial ao investigado (que, en todo caso, poderá acollerse ao seu dereito a non declarar) e habitualmente tómase tamén declaración ás testemuñas, con independencia de que volva a practicarse a súa declaración o día do xuízo oral, o momento determinante.

Con todo, debemos ter en conta que a fase de instrución non remata necesariamente coa apertura de xuízo oral e posterior xuízo, pois se o xuíz instrutor non aprecia indicios suficientes da comisión do feito delituoso ou da súa autoría, sobreserá as actuacións. Polo tanto, a actuación da defensa debe ser activa xa desde os primeiros pasos do proceso penal.


Problemática da declaración virtual

Tras a irrupción da Covid-19 tiveron que mudarse hábitos en todos os ámbitos, e o xudicial, pese a vivir en moitos ocasións alleo á realidade, non é unha excepción. Comezáronse a realizar moitos actos procesuais (declaracións, xuízos, etc.) online, ou como adoitamos dicir os xuristas: “telematicamente”.

Pese a que se botan en falta maiores medidas de seguridade (pois realízanse a través de aplicacións como Zoom), non parece mala idea modernizar un sistema de xustiza moi arcaico, aínda que sexa só mediante unha obrigada dixitalización. Ata o de agora as videoconferencias só se utilizaban puntualmente para declaracións desde outros xulgados ou desde Centros Penitenciarios (por certo, nunca participei nunha que fose ben á primeira).

Debido á pandemia, comezaron a realizarse xuízos telematicamente e, problemas tecnolóxicos aparte, sorprendéronme moito diversas sitacións comentadas por compañeiros, entre outras, testemuñas declarando desde o despacho dun dos avogados das partes, con todo o que iso conleva.

Esas circunstancias irregulares, entendo que se volven absolutamente inaceptables cando se producen nun proceso penal, pois ningunha pandemia debería limitar o dereito de defensa.


A defensa do Dereito de Defensa

Fai unhas semanas recibimos no despacho unha Providencia dun xuíz instrutor acordando o seguinte:

Dada cuenta, las presentes diligencias, cítese para el día… a las… horas a fin de prestar declaración, en calidad de testigos, a través del sistema de videoconferencia con las dependencias de la Comandancia de la Guardia Civil de…, a los agentes con nº de TIP…

Isto supoñía que eses axentes declarasen no mesmo momento e espazo físico, sen ningunha garantía de que, na súa condición de testemuñas, non existise interacción entre eles e non presenciasen a declaración dos outros, podendo adecuar, en consecuencia, a súa declaración ao previamente respondido polos compañeiros.

Así o manifestamos no Recurso de Reforma que presentamos contra a Providencia, alegando que a práctica das declaracións de testemuñas, dese modo, sería irregular e produciríanos indefensión, remitíndonos ao artigo 24.1 da Constitución Española:

Todas las personas tienen derecho a obtener la tutela efectiva de los jueces y tribunales en el ejercicio de sus derechos e intereses legítimos, sin que, en ningún caso, pueda producirse indefensión.

Artigo 24 CE

Ademais, o artigo 229 da Lei Orgánica do Poder Xudicial condiciona a utilización da videoconferencia a que non se resintan os principios estruturais de contradición e defensa e o artigo 325 da Lei de Axuizamento Criminal rodea esa opción tecnolóxica de cautelas que só xustificarían o seu emprego cando se acreditase a concorrencia de razóns de utilidade, seguridade, orde pública ou, con carácter xeral, a constatación dun prexuízo para que ten que declarar con ese formato.

Cabe aclarar que, cando se acordou a declaración por videoconferencia (sen confinamento estrito), xa non existía ningunha imposibilidade de que os axentes fosen fisicamente ao Xulgado para prestar a declaración, tal e como se acordara respecto a outra testemuña.

Polo tanto, sendo a videoconferencia unha opción de carácter secundario, non pode prevalecer sobre as vantaxes da proximidade física e persoal entre as fontes de proba, o Xulgado e a defensa.

O Tribunal Constitucional, nas súas sentenzas 120/2009, de 18 de maio (fundamento xurídico 6º) e 2/2010, de 11 de xaneiro (fundamento xurídico 3º) proclamou:

Calquera modo de practicarse as probas persoais que non consista na coincidencia material, no tempo e no espazo, de quen declara e quen xulga, non é unha forma alternativa de realización das mesmas sobre cuxa elección poida decidir libremente o órgano xudicial, senón un modo subsidiario de practicar a proba, cuxa procedencia vén supeditada á concorrencia de causa xustificada, legalmente prevista.

SSTC 120/2009, de 18 de maio, e 2/2010, de 11 de xaneiro

Conclusións

Como non podía ser doutra maneira, o Ministerio Fiscal non se opuxo á estimación do recurso que presentamos e, de forma pouco habitual (porque este tipo de recursos resólveos o mesmo xuíz que ditou a resolución recorrida), o noso recurso de reforma foi estimado.

Acordando la citación de los agentes para que presten declaración en sede judicial en calidad de testigos el día… a las… horas, con las salvaguardas y garantías que se derivan de ello (y) en orden a dotar de las mayores garantías al derecho de defensa y preservar la correcta introducción en el procedimiento de las declaraciones testificales.

En conclusión, se ben é razoable que se evite na medida do posible a presenza física nos Xulgados para previr o risco de contaxio por Covid, os avogados debemos velar porque xamais se acorde a realización de actuacións telemáticas que non respecten as normas procesuais e os dereitos de todas as partes, especialmente, o dereito de defensa nos procesos penais.

Categories:

Tags:

Comments are closed

Categorías
Arquivo
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad