¿COMO SE ATOPAN OS BENS DO EXECUTADO?

Nos procedementos de execución civil, que se inician despois da sentenza condenatoria non cumprida voluntariamente, é habitual que se acorde o embargo de bens inmobles do debedor (executado) para sacalos a poxa xudicial e que o acredor (executante) poida recuperar a débeda ou, polo menos, parte da mesma.

Non é un problema descoñecer os bens que ten o executado, tampouco que aquel non queira indicar ningún (xamais vin que o fixeran), pois pódese solicitar ao Xulgado que busque o patrimonio do debedor.

Estes bens sairán á luz grazas aos datos proporcionados pola Axencia Tributaria, o Servizo de Emprego Estatal, a Seguridade Social ou a Dirección Xeral de Tráfico, entre outros. Para atopar os bens inmobles que constan a nome do executado, utilízanse os datos do Rexistro da Propiedade e do Catastro.


REQUISITOS DOS EMBARGOS

Cos datos anteriores, facilitados polo Xulgado, a letrada do executante solicitará o embargo dos bens (unha vez comprobadas as cargas e gravames que poidan pesar sobre os mesmos) e será o Letrado da Administración (non o xuíz) quen acorde o embargo, sempre que se cumpran os seguintes principios xerais:

  • PROPORCIONALIDADE

No se embargarán bienes cuyo previsible valor exceda de la cantidad por la que se haya despachado ejecución, salvo que en el patrimonio del ejecutado sólo existieren bienes de valor superior a esos conceptos y la afección de dichos bienes resultare necesaria a los fines de la ejecución.

Art. 584 Ley Enjuiciamiento Civil

Semella unha redacción clara pero, como veremos máis adiante, neste marabilloso mundo do Dereito (case) todo é interpretable.

  • ORDE DOS EMBARGOS

Si acreedor y deudor no hubieren pactado otra cosa, dentro o fuera de la ejecución, el Letrado de la Administración de Justicia responsable de la ejecución embargará los bienes del ejecutado procurando tener en cuenta la mayor facilidad de su enajenación y la menor onerosidad de ésta para el ejecutado.

Art. 592.1 Ley Enjuiciamiento Civil

Se non se poden aplicar os anteriores criterios de maior facilidade para a súa disposición e menor custo para o executado, os embargos seguirán a orde fixada no seguinte apartado do artigo, no que aparecen os bens inmobles no sétimo lugar, despois das contas bancarias, rendas de diñeiro (devolucións pendentes da Axencia Tributaria ao executado, por exemplo) ou bens mobles (vehículos), e antes de pensións e salarios.

  • MUTABILIDADE:

…El ejecutante podrá pedir la mejora o la modificación del embargo o de las medidas de garantía adoptadas cuando un cambio de las circunstancias permita dudar de la suficiencia de los bienes embargados en relación con la exacción de la responsabilidad del ejecutado…

Art. 612.1 Ley Enjuiciamiento Civil

Conforme ao disposto neste último artigo, pódense ampliar os embargos cando os bens xa trabados resulten insuficientes para facer fronte ao pago da débeda.

En base a iso, o Letrado da Administración de Xustiza pode rexeitar nun momento inicial da execución o embargo dun inmoble por considerar que existen outros bens de máis fácil realización: como os saldos das contas bancarias ou as cantidades pendentes de devolución ao executado por parte da Axencia Tributaria.


CASO PRÁCTICO…

De acordo con todo o que acabamos de dicir, sabes se se pode embargar un inmoble valorado en 100.000€ por unha débeda de 25.000€, non tendo o executado outros bens?


… E RESOLUCIÓN

A resposta é afirmativa, si que procedería o embargo dun inmoble valorado en 100.000€ (ou máis) por unha débeda de 25.000€ (ou menos), sempre que o executado non teña outros bens.

Aínda así, nalgúns casos hai que “discutilo” co Xulgado, presentando un recurso de reposición fronte á resolución do Letrado da Administración de Xustiza denegando o embargo por ter o inmoble un valor desproporcionado respecto ao importe da execución, é dicir, da débeda pendente.

A continuación, déixovos algunha das alegacións do recurso:

I. A resolución recorrida denega o embargo solicitado porque “a finca ten un valor desproporcionado en relación coa contía pola que se despachou execución sendo o seu valor catastral de 100.000 € (artigo 584 da LEC en relación co artigo 592.1 da LEC)”.

Se ben o artigo 584 da LEC, citado na propia resolución, establece que non se embargarán bens de valor superior á contía pola que se despachou execución, expresamente condiciona tal prohibición á existencia doutros bens de valor inferior no patrimonio do executado.

Á vista dos datos patrimoniais da sociedade executada, non existen outros bens de valor inferior ao importe da execución porque, ademais de dita finca, só figura un vehículo non operativo: consta nos datos da Dirección Xeral de Tráfico que a última ITV que aprobou deixou de ter validez fai máis de cinco anos.

Debido ao escaso valor deste ben moble, o seu embargo non sería efectivo, pois nin sequera se podería convocar unha eventual poxa, ao ser os gastos que se orixinarían superiores á cantidade de diñeiro que se podería obter en virtude desa poxa.

Por outra parte, a sociedade executada non manifestou outros bens sobre os que poder trabar embargo, pese a ser requirida expresamente polo Xulgado, baixo apercibimento de poder incorrer nun delito de desobediencia grave.

A finca, polo tanto, é o único ben da executada sobre o que poder trabar embargo e a denegación do mesmo vulnera o disposto no artigo 584 da LEC, deixando a esta parte nunha situación de indefensión ante a imposibilidade de ver satisfeita a contía da execución aínda que, a día de hoxe, a executada ten un ben co que dito importe estaría cuberto.

II. Na resolución recorrida faise referencia a que se “realizaron pagos no procedemento, aínda que sexan insuficientes, como consecuencia doutros embargos” pero o certo é que cinco meses despois do Auto despachado execución e do Decreto acordando o embargo das contas bancarias e as devolucións tributarias, só se recuperaron 300 euros dunha débeda que ascende a máis de 25.000 euros.

Os embargos anteriores son de escasa efectividade e non servirán aos fins da execución, pois as contas bancarias teñen saldo negativo e nos datos da Axencia Tributaria a actividade da sociedade consta como “non económica”.

Polo tanto, o embargo da finca titularidade da executada resulta totalmente necesario para os fins da execución que, doutro modo, continuará dilatándose no tempo e xerando intereses e gastos.


CONCLUSIÓNS

Atendendo ás anteriores alegacións, o mesmo Letrado da Administración de Xustiza que denegara o embargo da finca estimou o recurso e acordou finalmente a traba do ben.

Aínda que o valor do inmoble excedía o importe da débeda (principio de proporcionalidade), non había outros bens (excepción do principio de proporcionalidade) e os anteriormente trabados (seguindo o principio da orde de máis fácil disposición) resultaron insuficientes, podendo, por ese motivo, ampliar os embargos sobre outros bens (principio de mutabilidade).

Categories:

Tags:

Comments are closed

Categorías
Arquivo
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad